Friday 10 de May de 2024

Preto de 1.200 mozos e mozas participan nas primeiras quendas do programa europeo Erasmus + Xuventude en Acción


O programa que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar contou nas dúas primeiras quendas cun orzamento de máis de 890.000 euros

As dúas primeiras quendas do programa europeo Erasmus +: Xuventude en Acción, que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar, contou coa participación de preto de 1.200 mozos e mozas. Entre os meses de febreiro e abril desenvolveron un total de 36 proxectos que contaron cun orzamento de máis de 890.000 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente. O prazo de solicitudes da terceira e última quenda rematará o 1 de outubro.

Erasmus+ é o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte que está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2020. O capítulo de Xuventude brinda apoio para que mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal e informal e potencia o papel dos traballadores e das organización favorecendo a mobilidade e cooperación no ámbito da xuventude.

Galicia, segundo os datos de participación no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción, é unha das máis activas, tanto no número de proxectos presentados e aprobados, como nos fondos recibidos da Unión Europea. Galicia sitúase, deste xeito, no grupo de comunidades máis activas en canto á participación de mozos e mozas en programas de mobilidade e aprendizaxe non formal.

No 2014, nas tres quendas do programa, foron aprobados en Galicia un total de 43 proxectos cun orzamento total de 920.781 euros.

Erasmus+: Xuventude en Acción estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.

A acción de mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe diferencia dúas modalidades: a mobilidade de mozos e mozas a través de proxectos de intercambios xuvenís e Servizo Voluntario Europeo; e a mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude a través de proxectos de formación e intercambios de boas prácticas.
Nas dúas primeiras quendas do 2015 foron aprobados 29 proxectos de mobilidade de mozos e 2 proxectos de mobilidade de traballadores no ámbito da xuventude.

A acción de cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas financia proxectos de asociacións estratéxicas no ámbito da educación, a formación e a xuventude. Nesta acción, nas dúas primeiras quendas de 2015 foron aprobados 3 proxectos.

Por último, o apoio ás reformas das políticas fomenta o diálogo estruturado entre mozos e mozas e responsables da toma de decisións no ámbito da xuventude. Nesta acción clave, nas dúas primeiras quendas do 2015 aprobáronse 2 proxectos.

Certificados da experiencia
A Comisión Europea recoñece a experiencia e coñecementos adquiridos a través da educación non formal durante o desenvolvemento dos proxectos financiados por Erasmus+: Xuventude en Acción, mediante o certificado Youthpass.

Así mesmo, ao abeiro da orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa Erasmus+: Xuventude en Acción derívase o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle dá visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.